Ifni
Ifni era unha antiga posesión española na costa africana, ao sur de Agadir, tiña unha superficie de 1.502 km² e unha poboación no ano 1964 de 51.517 habitantes, a capital era Sidi Ifni.
Historia e características
[editar | editar a fonte]O territorio foille concedido a España en perpetuidade conforme ao Tratado asinado entre España e Marrocos en 1860, neste territorio tivera xa España un establecemento chamado Santa Cruz de la Mar Pequeña entre 1476 e 1524, aínda que non se sabe con exactitude a súa localización.
Durante moitos anos España non fixo ningún movemento para ocupar o territorio e non foi ata o 6 de abril de 1934 que o coronel Osvaldo Capaz Montes ao desembarcar do canoneiro Canalejas tomou posesión deste territorio no nome de España. Ata 1952 Ifni tivo status de protectorado e nese ano converteuse en parte da (A.O.E.) África Occidental Española.
Desde que Marrocos obtivo a independencia en 1956 reclamou o territorio en varias ocasións. O 23 de novembro de 1957 o Exército de Liberación Marroquí co apoio do goberno marroquí atacou Ifni, fíxose co control da maior parte do territorio quedando a administración española reducida a Sidi Ifni e os seus arredores que constituíu unha provincia española. O 30 de xullo de 1969 Ifni pasou a soberanía marroquí.