Saltar ao contido

Galiña das abeleiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galiña das abeleiras
Tetrastes bonasia
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Tetraoninae
Xénero: Tetrastes
Especie: T. bonasia
Nome binomial
Tetrastes bonasia
(Linnaeus, 1758)
Área de distribución do grévol
Área de distribución do grévol

Sinonimia[2]
  • Bonasa bonasia (Linnaeus, 1758)

A galiña das abeleiras[3] (Tetrastes bonasia) é unha especie de ave da orde dos galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos tetraoninos, unha das dúas que compoñen o xénero Tetrastes, propia dos bosques temperados e boreais de Europa e Asia.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A especie foi definida en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae, co nome de Bonasia bonasia.

Nota taxonómica

[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente era clasificado dentro do xénero, hoxe monotípico, Bonasa,[4] pero na actualidade sitúase en Tetrastes pola maioría das autoridades taxonómicas.[2][5][6][7]

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Distínguense numerosas subespecies:[7][4][8]

Características

[editar | editar a fonte]
Galiñas das abeleiras.

Ten aproximadamente o tamaño dunha perdiz: uns 35–36 cm de longo, e unha envergadura de ás duns 60 cm. A cor da plumaxe vai do gris ó castaño avermellado na parte superior, cun deseño branco e negro na parte inferior. O debuxo branco e negro aumenta cara á gorxa e alí toma un ton castaño vermello. A cola é relativamente longa e lixeiramente arredondada. Cando están excitados poden erguer as plumas da cabeza nun moño característico. A diferenza das femias, os machos amosan na época reprodutora unha mancha negra na gorxa.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Vive en áreas de bosque da taiga asiática e europea, pero tamén en bosques de folla caduca de Eurasia. A ausencia de zonas boscosas non explotadas polo ser humano, pon en perigo as súas poboacións. En Centroeuropa aparece ata ós Alpes, as Ardenas, Lorena, os Vosgos, a zona francesa do Xura, e nos montes Cárpatos. Hai en marcha proxectos para a súa reintroducción en zonas nas que habitou no pasado.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Ovos de galiña das abeleiras.

Son aves monógamas e territoriais. O cortexo ten lugar no outono; daquela fórmanse as parellas que poden continuar xuntas despois do inverno, aínda que o macho, fóra da fecundación, non ten un rol importante na cría dos polos. Fan os niños no chan, ben agochados: entre pedras ou rocas, ao pé dunha árbore ou debaixo de árbores caídas, de xeito que estean ben protexidos dos depredadores, pero tamén da neve e a choiva. O niño mide uns 20 cm de diámetro. As femias poñen 4 ou 5 ovos nun período de 10 a 14 días. Chocan só as femias, que non comezan a fecelo até que a posta está completa. Cando se afasta do niño para alimentarse, a femia adoita tapar os ovos con follas secas para mantelos quentes. Os pitos rompen a casca despois dunha incubación duns 25 días.

Os polos abandonan o niño deseguida, e comezan tamén moi axiña a moverse con axilidade pola contorna, procurando insectos. Na segunda semana de vida a súa dieta faise case exclusivamente vexetal. A femia permanece sempre preto dos polos durante os primeiros días, e durante todo o verán condúceos a lugares onde poden atopar alimentación abundante: ao principio a zonas de vexetación relativamente baixa á beira de bosques ou prados, máis tarde a áreas onde poidan atopar bagas. No outono, as familias sepáranse.

Varía ó longo do ano. Os insectos son unha parte importante da alimentación dos polos. Os adultos comen, dependendo da estación, herbas, follas, abrochos e bagas.

A galiña das abeleiras en España

[editar | editar a fonte]

Segundo datos da ONG SEO Birdlife, hai máis de 45 anos que non se realizou ningunha observación da galiña das abeleiras en territorio español. A ave, que adoita vivir en bosques maduros e densos, encóntrase na lista oficial de especies extinguidas en España. A presión demográfica nos Pireneos a principios do século XX parece ser unha das causas da súa extinción nesa cordilleira. Unha iniciativa conxunta entre España, Francia e Andorra pretende reintroducir esta especie, ao longo do ano 2018, nos seus antigos hábitats naturais. Segundo informa Europa Press, a solta dos primeiros exemplares comezou no val de Arán, onde un equipo de técnicos franceses da Oficina Nacional da Caza deron comezo aos traballos de captura de exemplares no Parque Natural de Vercors. Non serán estes os únicos espécimes en trasladarse aoos Pireneos. Segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a campaña de capturas manterase nas próximas semanas co obxectivo de liberar varios exemplares antes de que finalice o outono. Esta medida permitirá gradualmente a recuperación da especie e incrementará a biodiversidade do macizo pirenaico.[9]

A galiña das abeleiras e o home

[editar | editar a fonte]

A galiña das abeleiras foi e é unha peza de caza habitual nos territorios nos que abunda. A primeiros do século XX vendíanse nos mercados rusos uns cinco millóns de exemplares ao ano. Aínda hoxe é unha das pezas favoritas dos cazadores rusos. O poeta ruso Valdimir Maiakovskij escribiu no seu poema a Lenin: Comede ananases, disfrutade da galiña das abeleiras: Achégase o voso último día, burgueses.

Nomes noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Alemán: Haselhahn
  • Español: Grévol
  • Finés: Pyy
  • Francés: Gélinotte des bois
  • Inglés: Hazel grouse
  • Italiano: Francolino di monte
  • Neerlandés: Hazelhoen
  • Noruegués: Jerpe
  • Portugués: Perdiz-avelã / Galinha-do-mato
  • Ruso: Obyknovennyi riabchik (Обыкновенный рябчик)
  • Sueco: Järpe
  1. BirdLife International (2004). "Bonasa bonasia". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o May 11, 2006. 
  2. 2,0 2,1 Alan P. Peterson. "Birds of the World — current valid scientific avian names". Consultado o January 27, 2010. 
  3. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-06. 
  4. 4,0 4,1 Cornell Lab of Ornithology. "Clement's Checklist 6.5" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2011. Consultado o 7 de xaneiro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 Tetrastes bonasia (Linnaeus, 1758) no ITIS.
  6. Frank Gill & David Donsker, eds. ) (2019). "Pheasants, Partridges, Francolins". IOC World Bird List v 8.2 (en inglés). Unión Ornitolóxica Internacional. Consultado o 7 de xaneiro de 2019. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Zoonomen. "Birds of the World -- current valid scientific avian names." (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2019. 
  8. Cornell Lab of Ornithology. "Clements Checklist 2018" (en inglés). Consultado o 7 de xaneiro de 2019. 
  9. "El grévol volará de nuevo en el Pirineo español". La Voz de Galicia, 19/10/2018.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bernard-Laurent, A. & Magnani, Y. (1994): "Statut, évolution et facteurs limitant les populations de gélinotte des bois (Bonasa bonasia) en France: synthèse bibliographique". Gibier faune sauvage, 11: 5-40.
  • Suchant, R. & A. Glockmann (Red.): Auerhuhn und Haselhuhn in einer mitteleuropäischen Kulturlandschaft. Ansatzpunkte, Perspektiven und Konflikte bei der Umsetzung von Schutzkonzepten. Beiträge der internationalen Fachtagung in Oberprechtal, Baden-Württemberg, vom 9. bis 12. Oktober 1997. Berichte Freiburger forstliche Forschung, Heft 2. Herausgegeben von der Forstwissenschaftlichen Fakultät der Universität Freiburg und der Forstlichen Versuchs- und Forschungsanstalt Baden-Württemberg. FVA, Freiburg im Breisgau 1998

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]