Endoproctos
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Endoproctos Rango fósil: xurásico superior - actualidade | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Barentsia discreta | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Familias | |||||||||||
Os endoproctos (Entoprocta, do grego ἔντóς entós, "dentro", "no interior", e πρωκτός prōktós, "ano"), ás veces escrito entoproctos, respectando a ortografía latina, non a pronuncia,[1] tamén chamados kamptozoos (Kamptozoa, do grego κάμτω kámtō, "alombar", "dobrar", e ζωον zōon, "animal") son un filo de animais bilaterais protóstomos, acuáticos, que miden de 0,5 a 5 mm de lonxitude e provsitos dun lofóforo, que se poden distingiuir doutros lofoforados similares, como os briozoos ou ectoproctos pola posición do ano, que queda incluído na coroa de tentáculos.
Son animais sésiles, a maioría deles mariños, aínda que existe algún xénero de auga doce (como Urnatella). Apareceron no xurásico, e se describiron unhas 170 especies.[2]
A miúdo viven en colonias, nas que os individuos, en lugar de fixarse ao substrato por un pé, únense mediante unha especie de estolón (que pode, ao igual que o pedúnculo, producir novos individuos) a outros animais fixos ( como briozoos) ou móbiles (como sipúnculos ou anélidos).[3]
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]O corpo destes animais lembra a forma dun cáliz semiesférico co seu pedúnculo delimitado por unha coroa de tentáculos ciliados que contén no seu interior catro aberturas: a boca, o nefridioporo, o gonóporo e o ano. O pedúnculo fixa o animal ao resto da colonia e del saen outros pés para formaren os estolóns que unen uns individuos con outros.
Ao seren animais pseudocelomados carecen de aparato circulatorio, e tampouco teñen aparato respiratorio. O aparato excretor está formado por túbulos protonefridiais que se unen antes de acadar o nefridioporo.
Aparato dixestivo e alimentación
[editar | editar a fonte]Os endoproctos son animais filtradores, de alimentación ciliar. A rexión glandular do estómago segrega enzimas e moco que van captando partículas (diatomeas, protozoos, detritos etc.) que chegan á boca grazas aos cilios dos tentáculos que a rodean.
O tubo dixestivo está curvado en forma de "U" e ocupa case todo o cáliz. Está tapizado de cilios que provocan correntes que moven os alimentos que acaban por entrar pola boca e que son engulidos por contraccións do esófago. A dixestión é de tipo extracelular, e a absorción ten lugar no estómago e no intestino. A continuación do intestino está o recto, separado por un esfínter, e despois hai outro na zona do ano. O animal mantén alí retido o alimento ata que se atopa saciado, polo que se pensa que na rexión rectal tamén se produce algo de absorción.
Aparato reprodutor e reprodución
[editar | editar a fonte]As colonias crecen asexualmente a partir de xemas. Reprodúcense tamén sexualmente, sendo hermafroditas). Liberan os espermatozoides á auga, que son captados por outro individuo, de modo que a fecundación é cruzada e interna. Na maior parte dos casos, os embrións son incubados na cavidade atrial, situada no centro do cáliz. Do ovo xorde unha larva que semella a trocófora dos anélidos e que, na maioría das especies, ten unha vida libre de só unhas horas. As larvas teñen fototropismo negativo, de modo que buscan lugares escuros para fixarse e transformarse en adulto.
Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]Os endoproctos viven no litoral mariño, onde se instalan con frecuencia sobre outros organismos mariños como algas, fanerógamas ou algúns invertebrados bentónicos.
Coñécense máis de 150 especies, amplamente distribuídas e probabelmente aparecerán moitas máis no futuro.
Clasificación
[editar | editar a fonte]Taxonomía
[editar | editar a fonte]Familia Barentsiidae
- Xénero Barentsia
- Xénero Pedicellinopsis
- Xénero Pseudopedicellina
- Xénero Coriella
- Xénero Urnatella
Familia Loxokalypodidae
- Xénero Loxokalypus
Familia Loxosomatidae
- Xénero Loxosoma
- Xénero Loxosomella
- Xénero Loxomitra
- Xénero Loxosomespilon
- Xénero Loxocore
Familia Pedicellinidae
- Xénero Pedicellina
- Xénero Myosoma
- Xénero Chitaspis
- Xénero Loxosomatoides
Filoxenia e sistemática
[editar | editar a fonte]O endoproctos son un grupo difícil de clasificar, xa que por un lado posúen características primitivas, como o pseudocele, e por outro características modernas como, por exemplo, a larva trocófora, que semella á dos modernos anélidos. O problema está en si son animais que dexeneraron a partir de antepasados máis complexos ou, pola contra, descendentes máis evolucionados de antepasados máis simples[4]. Así temos diversas opinións no mundo científico, como son as seguintes:
O parentesco dos endoproctos cos briozoos, tamén chamados ectoproctos, para contrapoñelos a eles, e a súa pertenza aos lofoforados son cuestións polémicas entre os zoólogos, aínda non resoltas. Algúns dan máis importancia ás semellanzas entre ambos os grupos e forman o filo Bryozoa (Entoprocta + Ectoprocta). Baixo este punto de vista, os endoproctos son auténticos lofoforados e tiveron polo tanto celoma.
Segundo outros autores, son só aparentemente similares aos ectoproctos, xa que o seu sistema de filtración é xustamente oposto (de abaixo a arriba), non posúen cavidade celomática entre a parede do corpo e o intestino, senón unha masa xelatinosa de mesoglea e a segmentación é espiral (radial nos briozoos). Segundo esta perspectiva, endoproctos e ectoproctos non están directamente emparentados e as súas semellanzas son debidas á converxencia evolutiva. Este é o punto de vista máis aceptado na actualidade. Segundo Hickman et al. os endoproctos pertencen aos Lophotrochozoa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Véxanse outros termos derivados formados co pimeiro elemento endo-, de ἔντο-: endoblasto, endocardio, endocarpo, endocrinoloxía, endoderma, endodoncia, endometrio, endoparasito, endorreico, endoscopia, endosfera, emdosmose, endotelio, endotérmico, endotoxina, endovenoso, endóxeno etc.
- ↑ Chapman, A. D., 2009. Numbers of Living Species in Australia and the World, 2nd edition. Australian Biodiversity Information Services ISBN (online) 9780642568618
- ↑ Walla Walla University, "Entoprocta" Arquivado 06 de febreiro de 2012 en Wayback Machine..
- ↑ Hickman et al. (2006).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Endoproctos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Endoproctos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brusca, R. C. & G. J. Brusca (2005): Invertebrados. 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
- Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
- Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1). Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
- Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 84-481-4528-3.
- Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª ed. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
- Remane, A., Storch, V. e Welsch, U. (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.
- Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole. ISBN 0-03-025982-7.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Entoprocta en Animal Diversity Web (en inglés) Consultada o 17/01/2013.
- Entoprocta en Earthlife.net (en inglés) Consultada o 17/01/2013.
- Ana G. Moreno: Apuntes de zoología (en castelán) Consultada o 07/03/2022.