EHC Biel
EHC Biel | |
---|---|
Fundación | 1939 |
Cidade | Biel/Bienne, Cantón de Berna Suíza |
Estadio | Eisstadion Biel (7.000 espectadores) |
Liga | National League A |
Campionatos | 3 (1978, 1981 e 1983) |
Director | Daniel Villard |
Adestrador | Kevin Schläpfer |
Cores | Azul, amarelo e vermello |
Na rede | |
http://www.ehcb.ch/ |
O EHC Biel (abreviatura de Eishockey Club Biel) é un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade bilingüe de Biel/Bienne, Suíza. Actualmente compite na National League A (NLA), a máxima categoría do hóckey sobre xeo helvético. Xoga os seus encontros como local no Eisstadion Biel, un pavillón con capacidade para 7.000 espectadores.
Mantén unha fote rivalidade con SCL Tigers, SC Bern, EHC Olten, e HC Ajoie. Os partidos ante estes equipos adoitan atraer unha gran cantidade de espectadores.
Historia
[editar | editar a fonte]O EHC Biel foi fundado en 1939 por Heinrich Plüss. Non foi ata 1961 cando ascendeu á segunda categoría do hóckey sobre xeo suízo, a National League B (NLB), categoría da que se proclamaría subcampión tres anos despois tras perder fronte ao Genève-Servette na final. Porén, en 1967, o equipo descendía á terceira categoría, aínda que volvería á división de prata un ano despois. En 1975, logo da vitoria fronte ao EHC Visp por 7 goles a 3 ante 7.000 espectadores, o EHC Biel proclamouse por primeira vez campión da LNB, e conseguiu o ascenso á máxima categoría, a LNA, por primeira vez na súa historia.
Na súa primeira tempada na máxima categoría, o club conseguiu o subcampionato logo de perder o partido decisivo fronte ao Langnau por 6-3. En 1978 proclamouse por primeira vez campión suízo tras derrotar a Kloten (4-1), e ao ano seguinte conseguiu un novo subcampionato 5 puntos por detrás do SC Bern. O segundo título chegou en 1981, rematando a liga con sete puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o EHC Arosa, e dous anos despois chegou o que sería o derradeiro título ata o momento do equipo, cando finalizou a fase final con seis puntos de vantaxe sobre o HC Fribourg-Gottéron.
A pesar destes éxitos, na tempada 1993-94 o equipo finalizou na 10ª posición, véndose obrigado a disputar o play-out fronte ao EHC Olten, conseguindo a permanencia. Porén na seguinte tempada o equipo descendeu á NLB tras perder as series de promoción fronte ao Rapperswil-Jona Lakers.
Finalmente, en 2008 e tras 13 tempadas na segunda categoría, o EHC Biel retornaba á máxima categoría tras impoñerse a Hockey Club La Chaux-de-Fonds o 26 de marzo. Dende o seu regreso á máxima categoría, o Biel ten conseguido a permanencia na NLA, sendo a súa mellor clasificación o 8º posto das tempadas 2011-12 e 2012-13, que lle deron a posibilidade de xogar os play-offs polo título, caendo nas dúas ocasións nos cuartos de final.
Palmarés
[editar | editar a fonte]- 3 National League A: 1978, 1981 e 1983
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: EHC Biel |
A Galipedia ten un portal sobre: Hóckey sobre xeo |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial (en alemán) (en francés)