Harry o sucio
Harry o sucio | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Dirty Harry |
Director | Don Siegel |
Produtor | Don Siegel |
Guión | Harry Julian Fink, R.M. Fink, Dean Riesner, John Milius, Terrence Malick |
Intérpretes | Clint Eastwood, Andrew Robinson, Reni Santoni, John Vernon, Harry Guardino, John Larch, John Mitchum |
Música | Lalo Schifrin |
Fotografía | Bruce Surtees |
Montaxe | Carl Pingitore |
Distribuidora | Warner Bros. Pictures |
Estrea | 1971 |
Duración | 102 minutos |
Orixe | Estados Unidos |
Xénero | Acción |
Orzamento | $4 000 000 |
Recadación | $35 976 000[1] |
Filme seguinte | Harry o forte |
Na rede | |
http://www.warnervideo.com/dirtyharry/ | |
Harry o sucio (en inglés: Dirty Harry) é un filme estadounidense de 1971, dirixida por Don Siegel e protagonizada por Clint Eastwood, con Andrew Robinson, Reni Santoni, John Vernon e Harry Guardino nos papeis principais.
Tivo catro secuelas: Harry o forte (1973), Harry o executor (1976), Impacto súbito (1983), e Harry o sucio na lista negra (1988).
Trama
[editar | editar a fonte]Andrew Robinson é un asasino en serie que actúa en San Francisco baixo o alcume de Scorpio, matando civís desde as azoteas cun fusil de precisión. Pretende facer chantaxe á cidade, baixo a ameaza de matar unha persoa cada día mentres non se lle pague un rescate. O seu segundo intento de asasinato é evitado por un helicóptero policial, pero escapa e consegue matar ao día seguinte. A policía cre que é moi posible que regrese ao mesmo lugar para intentar matar de novo. Os policías Callahan (Clint Estwood) e Chico (Reni Santoni) espérano alí e evitan o asasinato do seu obxectivo, un sacerdote católico. Porén, logra escapar novamente matando a un axente no camiño. Posteriormente secuestra a unha adolescente, á que viola, tortura e pecha nun foxo. Eleva o rescate e afirma que debe ser pagado de contado, pois á rapaza só lle queda ar até as 3:00 da mañá seguinte. O alcalde (John Vernon) decide entregarlle os cartos e envía a Callahan para tal misión. Scorpio faille percorrer toda a cidade, de cabina telefónica en cabina telefónica, indicándolle o seguinte punto mediante chamadas. Finalmente, enfróntase a Callahan e leva os cartos, pero agride a Callahan e ameaza con matalo a el e á rapaza. Chico seguira a Callahan oculto todo o traxecto e entra en escena, intercambiando disparos co asasino. Callahan logra apuñalar a Scorpio desde o chan cunha navalla que levaba oculta. Scorpio escapa ferido na coxa, pero sen os cartos. Callahan percorre as clínicas buscando algunha pista de Scorpio. Un médico que tratara a Scorpio recoñéceo e dille a Callahan que vive preto de alí, nun cuarto do xardineiro do estadio deportivo do barrio. Callahan irrompe na súa habitación sen orde xudicial e perségueo por todo o terreo de xogo, deténdoo cun disparo na perna. Nese momento comeza a torturalo, pisándolle a perna ferida para poder saber o lugar onde está enterrada a rapaza. Lógrase atopar á rapaza, pero xa morta. Scorpio é liberado sen cargos por ser detido por medios irregulares e baixo tortura. Posteriormente, Scorpio págalle a un sicario para que o golpee no rostro, e así culpar a Callahan de brutalidade policial. Finalmente, Scorpio secuestra un autobús escolar e esixe outro rescate, máis un avión. O alcalde insiste en acceder ás súa demandas, pero Callahan perségueo pola súa conta e risco e logra rescatar os nenos e matar a Scorpio.
Repercusión
[editar | editar a fonte]Foi a primeira aparición do inspector Harry "o Sucio" Callahan, do Departamento de Policía de San Francisco, interpretado por Clint Eastwood.
O irónico retrato de Clint Eastwood coma inspector obtuso, cínico e heterodoxo que aparentemente sempre está en conflito cos seus xefes, asenta o estilo para os seus papeis seguintes, e de feito, todo un xénero de películas de anti-heroes como The French Connection. Harry Callahan é alcumado Harry o Sucio pola súa inclinación a aceptar os traballos máis penosos.
O éxito da película derivou na produción de catro secuelas. O rol de anti-heroe de Eastwood tamén foi bastante imitado con posterioridade.
Harry Callahan tamén contribuíu a popularizar o revólver Modelo 29 calibre .44 Magnum de Smith & Wesson.
Clint Eastwood non era o candidato para protagonizar o filme. O papel foi orixinalmente escrito para Frank Sinatra, pero o rompera unha boneca e encontrou a magnum demasiado pesada, polo que rexeitou a interpretación. Antes de ofrecerlle o papel a Eastwood John Wayne, Steve McQueen e Paul Newman rexeitaron encarnar ao inspector por diversas razóns. No guión orixinal a historia tiña lugar en Seattle (Washington), pero unha das condicións de Eastwood para aceptar o papel era o cambio de escenario a San Francisco, a súa cidade natal.
Scorpio, o vilán da película, está inspirado no criminal Zodiac Killer, que andaba solto en San Francisco naquela época, pero que nunca foi capturado. Audie Murphy foi proposto en primeiro lugar para o papel, pero morreu en accidente aéreo. O papel foi parar ao descoñecido Andrew Robinson. O retrato que fai Robinson do asasino foi tan realista que recibiu sucesivas ameazas de morte e acabou pedindo un número de teléfono secreto. Na vida real Robinson é pacifista, e despreza as armas. Nos primeiros días da rodaxe Robinson amosaba un aceno de desagrado ao disparar, e o director Don Siegel suspendeu a rodaxe por un tempo para mandar a Robinson a unha escola de tiro[2]. Non obstante, continuou facendo xestos ao disparar.
Miscelánea
[editar | editar a fonte]- O filme estivo prohibido en Finlandia até 1972 e censurado en Noruega e Portugal.
- As escenas rodáronse en exteriores reais de San Francisco, agás a do atraco do banco, que foi filmada nunha falsa rúa de estudio para maior seguridade, pois requiría moitos efectos especiais.
- Na escena da fuxida dos atracadores do banco pódese ver un cine no que se está a proxectar Play Misty for Me, primeira película de Eastwood como director, e na que Don Siegel tiña un pequeno papel como actor.
- Clint Eastwood rodou persoalmente todas as escenas de perigo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Dirty Harry". Box Office Mojo. Consultado o 19 de febreiro de 2009.
- ↑ www.anecdotage.com Arquivado 16 de marzo de 2012 en Wayback Machine. (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web oficial (en inglés)