Descubrimento
Un descubrimento é a observación novidosa ou orixinal dalgún aspecto da realidade, normalmente un fenómeno natural; o achado, encontro ou manifestación do que estaba oculto e secreto ou era descoñecido.
No curso da innovación científica, as máis transcendentes teorías científicas e os maiores descubrimentos noutros ámbitos non adoitan ser obra persoal dun xenio, senón dun grupo de persoas, sexa en equipos ou pola suma de esforzos sucesivos de individuos ou grupos humanos. Na maior parte dos casos, non son éxitos debidos á serendipidade ou ao azar, senón froito de procesos de investigación ou exploración sistemática consciente e moi prolongados no tempo.
Tamén se pode denominar descubrimento á descrición das primeiras incursións de xentes dunha cultura no ambiente xeográfico e cultural doutra. A cultura occidental usou o termo para salientar a importancia na historia do mundo da exploración ligada á expansión de Europa cara ao resto do mundo. O descubrimento de cada continente, illa ou accidente xeográfico, por parte de viaxeiros, exploradores, conquistadores e colonizadores europeos, conduciu á noción de que os nativos foron descubertos, independentemente do feito de que xa estiveran alí desde había séculos ou mesmo milenios.
Neste sentido, adoita denunciarse que o termo implica un nesgo eurocéntrico e etnocéntrico na linguaxe e no pensamento.
Exemplos de descubrimentos
[editar | editar a fonte]- O descubrimento de Joseph John Thomson do modelo do electrón.
- O descubrimento da estrutura do ADN.
- O descubrimento dos quásars.
- O descubrimento da penicilina.
- O lume.
- A agricultura, na denominada revolución neolítica.
- O descubrimento de que a Terra non é plana, e que adoita atribuírse a Eratóstenes, que propuxo unha medición da Terra baseada na ausencia de sombra no solsticio de verán no trópico de Cáncer.
- O descubrimento de que a Terra non é o centro do universo (Teoría xeocéntrica -Copérnico, Galileo, Johannes Kepler, Newton-).
- A Era dos descubrimentos, ou dos grandes descubrimentos é o nome que se dá ao período de tránsito entre a Idade Media e a Idade Moderna caracterizado polos descubrimentos xeográficos.
- A finais da Idade Moderna e en plena Idade Contemporánea producíronse os descubrimentos de Australia, das fontes do Nilo, da Antártida ou dos fitos xeográficos nas exploracións polares (Polo Norte e Polo Sur) e na escalada dos montes máis elevados (Everest).
- A exploración submarina e a exploración espacial son dous novos campos para os descubrimentos.