Delfín de Francia
Delfín de Francia (en francés Dauphin) era o título do herdeiro da coroa francesa durante as dinastías de Valois e Borbón.
Historia
[editar | editar a fonte]A tradición remóntase ao século XIV, nos tempos de Humberto II, señor do Delfinado do Viennois, unha antiga provincia francesa que tivo como capitais sucesivas Vienne), Valence e Grenoble.
O Delfinado era un estado independente, que formaba parte do Sacro Imperio Romano Xermánico e o seu soberano levaba o título de delfín do Viennois.
O derradeiro delfín independente, Humberto II, sen herdeiro, vendeu a súa provincia ao rei Filipe VI de Francia, o 30 de marzo de 1349, polo tratado de Romans, coa condición de que o herdeiro fose designado como Delfín, en honra do seu escudo de armas que ostentaba un delfín.
A partir daquela, o Delfinado converteuse en posesión do herdeiro ao trono de Francia, que levaría o título de delfín.
O primeiro príncipe que usou esta designación foi o futuro rei Carlos V de Francia, neto de Filipe VI, que foi Delfín a partir de 1349.
O único delfín que residiu e exerceu o poder efectivo no Delfinado foi o futuro Lois XI de Francia, quen o gobernou como un Xefe de Estado.
Por extensión deste termo, na actualidade a palabra delfín (derivada do latín delphinus, e este do grego δελφίνος delphínos) úsase correntemente para referirse ao sucesor designado oficial ou oficiosamente para un cargo.
Delfinesa de Francia
[editar | editar a fonte]Por extensión, defínese a Delfinesa de Francia (en francés, Dauphine de France) como a esposa e, por tanto, futura raíña consorte do Delfín de Francia, o herdeiro do trono francés.
A primeira delfinesa foi Xoana de Borbón (1350-1378), esposa de Carlos V de Francia, que á súa vez, foi o primeiro Delfín de Francia.
Esta posición era análoga á da actual princesa de Gales (Reino Unido) ou á princesa de Asturias (España).
Delfíns de Francia 1349-1830
[editar | editar a fonte]Nota: as datas refírense ao período en que o titular foi coñecido por este título
- Carlos V de Francia (1349-1364)
- Carlos VI de Francia (1368-1380)
- Carlos de Valois (1389) filo de Carlos VI
- Carlos de Valois (1392-1401) fillo de Carlos VI
- Lois, duque de Guina (1401-1415) fillo de Carlos VI
- Xoán, duque de Turena (1415-1417) fillo de Carlos VI
- Carlos VII de Francia (1417-1422) fillo de Carlos VI
- Lois XI de Francia (1423-1461)
- Carlos VIII de Francia (1470-1483)
- Carlos Orlando de Valois (1492-1495) fillo de Carlos VIII
- Carlos de Valois (1496) fillo de Carlos VIII
- Francisco de Valois (1497-1498) fillo de Carlos VIII
- Francisco, duque da Bretaña (1518-1536) fillo de Francisco I
- Henrique II de Francia (1536-1547) fillo de Francisco I
- Francisco II de Francia (1547-1559)
- Lois XIII de Francia (1601-1610) fillo de Henrique IV
- Lois XIV de Francia (1638-1643)
- Lois de Borbón (1661-1711) fillo de Lois XIV
- Lois, duque de Borgoña (1711-1712)
- Lois, duque da Bretaña (1712)
- Lois XV de Francia (1712-1715)
- Lois de Borbón (1729-1765)
- Lois XVI de Francia (1765-1774)
- Lois Xosé de Borbón (1781-1789)
- Lois XVII de Francia (1789-1791)
- Lois XIX de Francia (1824-1830)