Cesárea
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Unha cesárea é un tipo de intervención cirúrxica na que se realiza unha incisión cirúrxica no abdome (laparotomía) e o útero da nai para extraer un ou máis bebés. A OMS adoita recomendar o seu uso cando un parto vaxinal podería conducir a complicacións médicas, que segundo a NOM-007 debería ser utilizada unicamente no 15% dos embarazos.
Non se debe confundir coa episiotomía, que é unha incisión no perineo para facilitar o parto. A cesárea faise por encima da pelve.
Historia
[editar | editar a fonte]As cesáreas eran xa coñecidas e practicadas na antiga Roma, tal e como se contemplaba na Lex Caesarea: unha muller que morrese durante o embarazo tardío debía ser sometida a esta intervención coa finalidade de tentar salvar a vida do feto.
O primeiro dato que se ten dunha muller que sobreviviu a unha cesárea foi en Alemaña en 1500: Crese que Jacob Nufer, un castrador de porcos, lle fixo esta operación á súa esposa tras un prolongado labor. A maioría das veces, o procedemento tiña unha alta mortalidade. En Gran Bretaña e Irlanda a mortalidade en 1865 era do 85 %. As medidas claves na redución da mortalidade foron:
- Acollida dos principios da asepsia.
- A introdución da sutura uterina por Max Sänger en 1882.
- Cesárea extraperitoneal e despois mudanza á incisión transversal baixa (Krönig, 1912).
- Avances na anestesia.
- Transfusión de sangue.
- Antibióticos.
Viaxeiros europeos na rexión dos grandes lagos de África observaron durante o século XIX seccións cesáreas que eran efectuadas de forma regular. A nai expectante era normalmente anestesiada con alcol e usábase unha mestura de herbas para mellorar a recuperación. Dada a natureza ben desenvolvida dos procedementos empregados, os observadores europeos concluíron que foran empregados durante algún tempo.
O 5 de marzo de 2000, Inés Ramírez fíxose a cesárea a si mesma e sobreviviu, así como o seu fillo, Orlando Ruiz Ramírez. Crese que ela foi a única muller que se practicou a cesárea a si mesma e sobreviviu.[1]
Epidemioloxía
[editar | editar a fonte]A Organización Mundial da Saúde estima que a taxa de cesáreas entre todos os nacementos nos países desenvolvidos está entre o 10 % e o 15 %, comparado con preto de 20 % no Reino Unido e 23 % en Estados Unidos. En 2003, a taxa de cesáreas no Canadá foi de 21 %, con variacións rexionais.
En anos recentes xerouse preocupación porque a operación se realice frecuentemente por outras razóns diferentes á necesidade médica. Por exemplo, aos críticos preocúpalles que as cesáreas se realicen porque economicamente dan máis utilidade para o hospital, ou porque unha cesárea rápida é máis conveniente para un obstetra que un longo parto vaxinal. Formáronse organizacións para aumentar a conciencia pública sobre as cesáreas e a súa incidencia que crece considerabelmente. Os partos atendidos por parteiras e fóra do hospital asócianse a unha taxa moito menor de cesáreas, controlada por todos os indicadores maternais e fetais relevantes.
Clasificación
[editar | editar a fonte]Hai varios tipos de cesáreas:
- A incisión clásica é lonxitudinal na liña media, o que permite maior espazo para o parto. Úsase de cando en cando, porque é máis susceptíbel de complicacións.
- A máis común hoxe en día é a do segmento inferior, na cal se fai un corte transversal xusto por encima do bordo da vexiga. A perda de sangue é menor e a reparación máis fácil.
- Unha cesárea histerectomía é o parto mediante cesárea e posterior extracción do útero, que se pode realizar en casos de sangrado intratábel ou cando a placenta non se pode separar do útero.
- Algunhas veces practicáronse outros tipos, como a extraperitoneal.
Indicacións
[editar | editar a fonte]Os xinecólogos recomendan a cesárea cando o parto vaxinal pode ser arriscado para o neno ou a nai. Algunhas posíbeis razóns son:
- parto complicado prolongado ou distocia: pelve anormal, esgotamento materno, malformacións uterinas, posición fetal anormal, asinclitismo, hidrocefalia, pelve demasiado estreita.
- sufrimento fetal aparente
- sufrimento maternal aparente
- complicacións como preeclampsia ou eclampsia
- nacementos múltiples
- mala colocación do bebe, (cabeza cara a arriba en lugar de cara á pelve)
- presentación anormal
- indución do traballo de parto errada
- parto instrumental errado
- macrosomía (bebé moi grande)
- placenta moi baixa ou placenta previa
- pelve contraída
- evidencia de infección intrauterina
- algunhas veces, cesárea previa
- problemas de curación do perineo, derivados do parto ou da Enfermidade de Crohn, por exemplo.
Con todo, diferentes especialistas poden diferir en canto ás súas opinións sobre a recomendación dunha cesárea. Un obstetra pode sentir que unha muller é moi pequena para parir o seu bebé, pero outro pode estar en desacordo. De forma similar, algúns provedores de coidado poden determinar que o parto non progresa máis rapidamente que outros. Estes desacordos axudan a explicar por que as taxas de cesáreas son diferentes entre hospitais e médicos.
Riscos
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Violencia obstétrica.
Estatísticas dos anos noventa suxiren que polo menos unha muller por cada 2500 que teñan cesárea morrerá, comparado cunha en 10.000 para o parto vaxinal.[2] A mortalidade segue en descenso, pero o Servizo Nacional de Saúde do Reino Unido declarou que o risco de morte é tres veces o dun parto vaxinal.[3] Con todo, non é posíbel comparar directamente as taxas de mortalidade dos partos vaxinais e por cesárea porque as mulleres que tiveron a cirurxía tiñan maior risco.
Os bebés nados por cesárea adoitan ter problemas iniciais para respirar. Ademais pode ser difícil a alimentación porque tanto a nai como o bebé están afectados pola medicación para a dor.
Unha cesárea é unha cirurxía maior, con todos os riscos e consecuencias que comporta. A dor na incisión pode ser intensa, e a recuperación completa da mobilidade pode levar semanas.
Anestesia
[editar | editar a fonte]A nai xeralmente recibe anestesia rexional (espinal) ou epidural, o que lle permite estar esperta durante o parto e evita a sedación da crianza.
Na práctica moderna, a anestesia xeral para a cesárea é cada vez máis rara posto que se estableceu cientificamente o beneficio da anestesia rexional tanto para a nai como para o bebé.
Partos vaxinais despois de cesárea
[editar | editar a fonte]Os partos vaxinais despois de cesárea (VBAC, polas súas siglas en inglés) non son infrecuentes hoxe en día. No pasado usábase unha incisión vertical para a cesárea que cortaba as fibras musculares do útero. As cesáreas modernas xeralmente se practican cunha incisión horizontal seguindo o percorrido das fibras musculares. O útero mantén entón mellor a súa integridade e pode tolerar as fortes contraccións dun parto futuro. Por razóns estéticas, a cicatriz das cesáreas modernas está por baixo da «liña do bikini». Cabe sinalar que este tipo de incisión non é recomendábel para a saúde, xa que, tarda moito máis tempo en sandar por que naturalmente, a nosa pel segue unha especie de secuencia que é vertical, polo que inclusive, nunca sanda completamente.
Actualmente non se admite o vello aforismo de «despois de cesárea, sempre cesárea». A menos que a causa que orixinou a primeira cesárea se manteña, por exemplo placenta previa ou pelve estreita, a conduta aceptada é a de deixar evolucionar o parto e actuar segundo a evolución.
Outro punto en que se desatou unha intensa controversia é sobre o dereito da xestante a elixir a vía do parto, é dicir, embarazada que desexa, sen causas obxectivábeis, que lle sexa practicada cesárea.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Self-inflicted cesarean section with maternal and fetal survival" (3). PMID 15001385. doi:10.1016/j.ijgo.2003.08.018.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2007. Consultado o 09 de xaneiro de 2018.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2009. Consultado o 09 de xaneiro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cesárea |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Williams Obstetrics. 14ª edición. Appleton Century-Crofts, Nova York, 1971, páxinas 1163-1190.