Carl Rogers
Nome orixinal | (en) Carl Ransom Rogers |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 8 de xaneiro de 1902 Oak Park, Estados Unidos de América |
Morte | 4 de febreiro de 1987 (85 anos) La Jolla, Estados Unidos de América |
Presidente da Asociación Americana de Psicoloxía | |
1947 – 1947 | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Wisconsin-Madison Teachers College (en) Seminário Teológico da União (Nova York) (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Psicoloxía e Psicoterapia |
Ocupación | psicoterapeuta, escritor de non ficción, psicólogo, produtor de cinema |
Empregador | Universidade de Chicago |
Membro de | |
Influencias | |
Familia | |
Fillos | Natalie Rogers |
Premios | |
Descrito pola fonte | Medvik >>>:Rogers, Carl Ransom, 1902-1987, Pedagogues and Psychologists of the World (en) , |
Sitio web | nrogers.com… |
Carl Ransom Rogers, nado en Oak Park (Illinois) o 8 de xaneiro de 1902 e finado en San Diego (California) o 4 de febreiro de 1987 foi un psicólogo estadounidense, iniciador, xunto a Abraham Maslow, do enfoque humanista na psicoloxía. Un estudo realizado entre psicólogos estadounidenses e canadenses en 1982 situouno como o psicoterapeuta máis influente da historia, por diante de Albert Ellis e Sigmund Freud.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Oak Park, un barrio de Chicago, Illinois. Foi o cuarto de seis fillos. En 1914 marchou ao campo para dedicarse á agricultura e á crianza de animais. En 1919 inscribiuse na Facultade de Agricultura na Universidade de Wisconsin-Madison onde estudou ciencias agrarias. Posteriormente cambiou a súa área de estudos á teoloxía nun seminario.
En 1922 trasladouse á China durante algúns meses cun grupo de estudantes norteamericanos para participar nunha conferencia internacional organizada pola Federación Mundial de Estudantes Cristiáns. Esta estadía permitiulle confrontar a cultura occidental coa oriental e deste xeito reformularse moitas cuestións na súa vida. Nada máis regresar aos Estados Unidos, graduouse en historia pola Universidade de Wisconsin e inscribiuse no Seminario Teolóxico de Nova York. Posteriormente, abandonou os estudos teolóxicos e emprendeu outros de carácter psicopedagóxico na Universidade de Columbia onde obtivo o seu doutoramento en 1931. Despois dun ano de estudos no Institute for Child Guidance de Nova York, pasou ao Child Study Department de Rochester onde chegou "máis por razóns económicas que por vocación" segundo comentou no capítulo dedicado a el mesmo do seu libro On Becoming a Person.[2]
En 1924 casou con Helen Elliot coa que deseguido tivo dous fillos: David e Natalie. Fascinado e estimulado polas teorías de Otto Rank e a corrente europea do existencialismo, Rogers publicou en 1939 o seu primeiro libro: The Clinical Treatment of the Problem Child. Grazas a isto obtivo unha cátedra de psicoloxía clínica na Universidade Estatal de Ohio.
En 1942 no seu Counseling and Psychotherapy, fundou as bases da súaterapia centrada no cliente, pedra angular do movemento da psicoloxía humanista.
En 1944 trasladouse a Chicago, a súa cidade natal, onde fundou o primeiro counseling center, no que efectuou a súa terapia e realizou investigacións. Froito delas foi o seu libro Client-centered-Therapy, texto fundamental e manifesto do pensamento de Rogers. Nese libro aparecen máis ampliadas e desenvolvidas as cuestións que tratou en Counseling and Psychotherapy.
En 1957 obtivo a cátedra de Psicoloxía e Psiquiatría da Universidade de Wisconsin. No seu departamento de psiquiatría Rogers experimentou a súa "terapia centrada no cliente" con pacientes psicóticos obtendo óptimos resultados que publicou en 1967 no libro The Therapeutic Relationship and its Impact: A Study of Schizophrenia.
En 1964 abandonou o ensino e trasladouse a California, ao Western Behavioural Science Institute de La Jolla. En 1969 fundou o Center for the Study of the Person e, posteriormente, o Institute of Peace para o estudo e a resolución dos conflitos.
Dende ese ano ata a súa morte en 1987 vítima dun ataque cardíaco, traballou en La Jolla, California[3]
Rogers foi o primeiro en implementar as prácticas supervisadas, o cal, para a súa época foi algo completamente innovador[4]
Pensamento
[editar | editar a fonte]Foi partícipe e xestor instrumental no desenvolvemento da terapia non directiva, máis coñecida como terapia centrada no cliente, a cal renomeou como terapia centrada na persoa. Esta teoría é coñecida polas súas siglas en inglés PCA “Person-Centered Approach” ou enfoque centrado na persoa. As súas teorías abranguen non só as interaccións entre o terapeuta e o cliente, senón que tamén se aplican a todas as interrelacións humanas. A terapia rogeriana contrasta coas perspectivas psicolóxicas freudianas e as sociais de Alfred Adler e de Albert Bandura, polo uso preferente da empatía para lograr o proceso de comunicación entre o cliente e o terapeuta ou, por extensión, entre un ser humano e outro.
Rogers supón a relación entre o cliente e o terapeuta como o elemento fundamental para que se desenvolva o saneamento do consultante. Mediante o uso da escoita empática, a congruencia propia do conselleiro e a aceptación incondicional, téntase promover un ambiente libre de ameazas onde o cliente poida expresarse libremente. É a través deste escenario onde este último poderá, no seu tempo, coñecerse a si mesmo e así diminuír a súa ansiedade e tratar aquelas situacións que o cohiben.
Para o simple lector, a diferenza tanxible reside en que a terapia centrada no terapeuta está baseada na capacidade de interpretación do profesional, mentres que na terapia centrada na persoa o marco de referencia deixa de ser o coñecemento teórico do terapeuta e céntrase en como vive o cliente aquilo que lle está a acontecer. Dito en palabras de Rogers "Que pasa co que lle pasa". Tamén deixa de ser unha terapia focalizada en resolver o problema, e máis ben interésase en empatizar co cliente no que está a vivir. Preocúpase por como está a vivir a situación que lle toca vivir.
Teoría da personalidade de Rogers
[editar | editar a fonte]As proposicións que están ao comezo da serie son as máis afastadas da experiencia do terapeuta e, polo tanto, as máis sospeitosas, mentres que as que aparecen cara ao final achéganse cada vez máis ao centro da nosa experiencia.
Características do neno
[editar | editar a fonte]- Percibe a súa experiencia como unha realidade.
- Posúe unha tendencia innata a actualizar as potencialidades do seu organismo.
- Interactúa coa súa realidade en función desa tendencia fundamental á actualización.
- Na súa interacción coa realidade, o individuo compórtase como unha totalidade organizada (Gestalt).
- Iníciase un proceso de valoración organísmica, no que o individuo valora a experiencia ao tomar como criterio de referencia a tendencia actualizante.
O desenvolvemento do eu
[editar | editar a fonte]- Como consecuencia da tendencia á diferenciación, unha parte da experiencia do individuo diferénciase e simbolízase na conciencia. Esta parte simbolizada corresponde a unha conciencia de ser, de actuar como individuo, e pode describirse como experiencia do eu.
- Como consecuencia da interacción entre o organismo e o medio, a conciencia de ser e de actuar como individuo aumenta e organízase gradualmente para formar o concepto do eu.
A necesidade de consideración positiva
[editar | editar a fonte]- A medida que se exterioriza a conciencia do eu, o individuo desenvolve unha necesidade de consideración positiva. A teoría non se interesa en saber se se trata dunha necesidade innata ou adquirida. De acordo con Standal, que formulou este concepto, é unha necesidade adquirida:
- A satisfacción desa necesidade lógrase necesariamente por medio das inferencias obtidas a partir do campo experencial doutra persoa.
- A satisfacción desa necesidade relaciónase cunha gama moi ampla de experiencias do individuo.
- O proceso de satisfacción da necesidade de consideración positiva é recíproco, xa que cando o individuo cae na conta de que satisfai esa necesidade noutro, satisfai, por iso mesmo, a súa propia necesidade de consideración positiva.
- Os efectos desa satisfacción son intensos no sentido de que a consideración positiva manifestada por calquera persoa comunícase, naquel que é obxecto dela, ao conxunto da consideración que este experimenta cara a esta persoa.
As achegas de Rogers á educación
[editar | editar a fonte]Rogers foi o pai da non directividade. Segundo el, o clima psicolóxico de liberdade favorecía o desenvolvemento pleno do individuo, valoraba a empatía e a autenticidade. Todo o proceso educativo debería entón centrarse no neno, non no profesor, non no contido pragmático. Para Rogers, os principios básicos do ensino e da aprendizaxe son: confianza nas potencialidades humanas, pertinencia do asunto que vai ser apreso ou ensinado, aprendizaxe participativa, autoavaliación, autocrítica e aprendizaxe da propia aprendizaxe.
A aprendizaxe sería tan fonda como importante para a totalidade da persoa que se educa: non se pode ensinar a outra persoa directamente, de aí a importancia do educador ou facilitador da aprendizaxe; el debería crear o clima inicial, comunicar confianza, aclarar, motivar con congruencia e autenticidade. Rogers chamou a isto “comprensión empática”.
Para Rogers, o obxectivo da educación é axudar o alumnado a converterse en individuos capaces de ter iniciativa propia para a acción, responsables polas súas accións, que traballasen non para obter a aprobación dos demais, senón para acadar os seus propios obxectivos.
Algúns principios da aprendizaxe:
- Os seres humanos teñen natural potencialidade para aprender.
- A aprendizaxe significativa verifícase cando o estudante percibe que a materia que vai estudar se relaciona cos seus propios obxectos.
- É por medio de actos como se adquire unha aprendizaxe máis significativa.
- A aprendizaxe facilítase cando o alumnado participa do seu proceso responsablemente.
- A aprendizaxe autoiniciada que comprende toda a persoa do aprendiz (os seus sentimentos do mesmo xeito que a súa intelixencia) é o máis duradeiro e impregnable.
- A aprendizaxe socialmente máis útil, no mundo moderno, é a do propio proceso de aprendizaxe, unha continua apertura á experiencia e á incorporación dentro de si mesmo do proceso de cambio.
- Unha persoa non pode ensinar directamente a outra, só pode facilitar a súa aprendizaxe.
- Unha persoa resístese por medio da negación ou a distorsión a unha experiencia que, ao asimilala, provocaría un cambio na súa propia organización.
- A estrutura e a organización propias dunha persoa vólvense ríxidas baixo ameaza e reláxanse se a persoa non se sente ameazada.
Obras
[editar | editar a fonte]- Rogers, Carl, e Carmichael, Leonard (1939). The Clinical Treatment of the Problem Child. Boston; Nova York: Houghton Mifflin Company.
- Rogers, Carl. (1942). Counseling and Psychotherapy: Newer Concepts in Practice. Boston; Nova York: Houghton Mifflin Company.
- Rogers, Carl. (1951). Client-Centered Therapy: Its Current Practice, Implications and Theory. Londres: Constable. ISBN 1-84119-840-4.
- Rogers, C.R. (1957). "The necessary and sufficient conditions of therapeutic personality change". Journal of Consulting and Clinical Psychology, 21: 95-103.
- Rogers, Carl. (1959). "A Theory of Therapy, Personality and Interpersonal Relationships as Developed in the Client-centered Framework". In (ed.) S. Koch, Psychology: A Study of a Science. Vol. 3: Formulations of the Person and the Social Context. Nova York: McGraw Hill.
- Rogers, Carl. (1961). On Becoming a Person: A Therapist's View of Psychotherapy. Londres: Constable. ISBN 1-84529-057-7. Excerpts
- Rogers, Carl. (1969). Freedom to Learn: A View of What Education Might Become. (1st ed.) Columbus, Ohio: Charles Merill. Excerpts
- Rogers, Carl. (1970). On Encounter Groups. Nova York: Harrow Books, Harper and Row, ISBN 0-06-087045-1
- Rogers, Carl. (1977). On Personal Power: Inner Strength and Its Revolutionary Impact.
- Rogers, Carl. (nd, @1978). "A personal message from Carl Rogers". In: N. J. Raskin. (2004). Contributions to Client-Centered Therapy and the Person-Centered Approach. (pp. v-vi). Herefordshire: PCCS Books, Ross-on-the-Wye. ISBN 1-898059-57-8
- Rogers, Carl. (1980). A Way of Being. Boston: Houghton Mifflin.
- Rogers, Carl. e Stevens, B. (1967). Person to Person: The Problem of Being Human. Lafayette, CA: Real People Press.
- Rogers, Carl, Lyon, Harold C., & Tausch, Reinhard (2013) On Becoming an Effective Teacher—Person-centered Teaching, Psychology, Philosophy, and Dialogues with Carl R. Rogers and Harold Lyon. Londres: Routledge, ISBN 978-0-415-81698-4
- Rogers, C.R., Raskin, N.J., et al. (1949). !A coordinated research in psychotherapy!. Journal of Consulting Psychology, 13, 149-200. Citado en: N.J. Raskin, "The first 50 years and the next 10". Person-Centered Review, 5(4), novembro de 1990, 364-372.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ruiz, MA, Díaz, MI, Villalobos, A (2012): Manual de Técnicas de Intervención Cognitivo Conductuales. Bilbao, DDB, p. 318.
- ↑ "CARL ROGERS: LA BÚSQUEDA DE CONVERTIRSE EN PERSONA". Consultado o 5 de novembro de 2016.
- ↑ "Carl Rogers - Biography". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2017. Consultado o 5 de novembro de 2016.
- ↑ Cloninger, Susan C. (2003). Teorías de la Personalidad (Tercera ed.). México. p. 414 -592.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cornelius-White, J. H. D. (2007). Learner-centered teacher-student relationships are effective: A meta-analysis. Review of Educational Research, 77 (1), 113-143
- Farber, Barry A. The psychotherapy of Carl Rogers: cases and commentary (Guilford Press 1998)
- Hall, C.S. & Linzey, G. (1957). Rogers self-theory. "Theories of Personality". (pp. 515–551). Nova York; John Wiley & Sons, Inc.
- Mearns and Thorne, Person Centred Counselling in Action (Sage 1999)
- Raskin, N. (2004). Contributions to Client-Centered Therapy and the Person-Centered Approach. Herefordshire, Ross-on-the-Rye, UK: PCCS Books
- Thorne, Brian. Carl Rogers—Key Figures in Counselling and Psychotherapy series (Sage publications, 1992)