Saltar ao contido

Arquitectura bizantina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista interior da igrexa de Santa Sofía

Chámase arquitectura bizantina aquela desenvolvida polo Imperio Bizantino (así­ chamado como referencia a Bizancio, o antigo nome da capital imperial Constantinopla) durante a antigüidade tardía (decadencia romana) e a idade media como desenvolvemento da arquitectura romana.[1]

O estilo caracterízase polos mosaicos vitrificados e polas iconas, pinturas sacras normalmente realizadas sobre madeira, con disposición tríptica.

A arquitectura bizantina está marcada polo procesamento das varias influencias estéticas recibidas polo Imperio Bizantino. Tamén destacou no desenvolvemento da enxeñaría e de técnicas construtivas arriscadas, sendo a responsábel da difusión de novas formas e tipoloxías de cúpulas.

Os bizantinos destacaron especialmente na arquitectura relixiosa, coa igrexa de Santa Sofía, como a súa realización máis paradigmática. Foi construída en tempos do emperador Constantino en 360, mais coa idea encomendada por Xustiniano, que contratou dous matemáticos para realizaren o proxecto, Antemio de Trales e Isidoro de Mileto. Os dous sorprenderon a todos edificando unha obra que representa unha icona da arquitectura bizantina.

O edificio é unha mestura das grandes construcións romanas, como as termas de Caracalla, co clima místico das construcións orientais. A estrutura aseméllase a unha basílica romana, cunha forma rectangular. Alén da dimensión, o seu grandioso domo central, distinto do Panteón que tiña paredes circulares, e que é por primeira vez utilizado aquí, tórnase nun dos máis impresionantes puntos de interese. Catro arcos forman un cadrado que sustenta pendentes de bóvedas esféricas, que, á súa vez, apoian o inmenso domo. A base deste domo é baleirada por corenta xanelas en arco que permiten a entrada da luz, dando leveza á estrutura e ofrecendo a ilusión dun halo celestial.

Durante catrocentos anos esta cidade foi a maior do mundo e, de Rusia a Venecia, as catedrais baseáronse en Santa Sofía, considerada unha das máis belas igrexas do cristianismo.

Características

[editar | editar a fonte]

A arquitectura bizantina mantivo varios elementos da arquitectura romana e da paleocristiá oriental, como os materiais (ladrillo e pedra para o revestimento exterior e interior de mosaico), arcos de medio punto, columnas clásicas como soporte etc. Pero tamén proporcionaron novas características, incluíndo a nova concepción dinámica dos elementos e un novo sentido espacial e, sobre todo, a súa contribución máis importante, o uso sistemático da cuberta abovedada, especialmente a cúpula sobre pendentes, é dicir, triángulos esféricos nos ángulos que facilitan o paso do plano cadrado ao circular da cúpula. Estas bóvedas semiesféricas construíronse empregando ringleiras concéntricas de ladrillo, como coroas de raio decrecente reforzadas externamente con argamasa, e foron concibidas como unha imaxe simbólica do cosmos divino.

Outra achega de grande importancia foi a decoración dos capiteis, dos que había varios tipos; así, o tipo teodosiano é unha herdanza romana, utilizado durante o século IV como evolución do corintio e esculpido cun trefino, semellante aos niños das avespas; Outra variedade era o capitel cúbico de cara plana decorado con relevos de dous planos. Nos dous casos era obrigatorio colocar unha parte superior ou unha pirámide truncada decorada con diversos motivos e símbolos cristiáns.

Na tipoloxía dos templos, segundo o plano, abundan os de planta centralizada, sen dúbida coherentes coa importancia que se lle dá á cúpula, mais non son inferiores en números as igrexas de planta basilical e as cruciformes con seccións iguais (planta de cruz grega).[2]

En case todos os casos é frecuente que os templos, ademais da nave principal, teñan un adro ou nártex, de orixe paleocristiá, e o presbiterio precedido de iconostasio, chamado así porque as iconas pintadas se colocaban nese recinto.

  1. "Arquitetura bizantina" (en inglés). Consultado o 17 de decembro de 2019. 
  2. "Byzantine architecture". 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • El arte y el hombre, tomo II (baixo a dirección de René Huyghe), Editorial Planeta, S. A, Barcelona, 1975, 8.ª edición, ISBN 84-320-2002-8
  • Crippa, Maria Antonieta, L'Art paléochrétien : des origines à Byzance. Saint-Léger-Vauban: Zodiaque, 1998.
  • Krautheimer, R., Arquitectura paleocristiana y bizantina. Madrid: Cátedra, 1984 (1.ª ed.)
  • Ousterhout, Robert (1999). Master Builders of Byzantium (en inglés). Princeton University Press. p. 320. ISBN 978-0-691-00535-5. 
  • Schug-Wille, Christa (1978). "Enciclopedia Universal del Arte" (en castelán) IV. Barcelona: Plaza & Janés. ISBN 8401605792.  |capítulo= ignorado (Axuda)
  • de Vogüé, Melchior; Neufville, Jean (1965). Glossaire de termes techniques à l’usage des lecteurs de « La nuit des temps » (en francés). La-Pierre-Qui-Vire (Yonne): Les Presses Monastiques. ISBN 978-2-7369-0100-4. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]