Antonio Cánovas del Castillo
Antonio Cánovas del Castillo, nado en Málaga o 8 de febreiro de 1828 e finado en Arrasate (Guipúscoa) o 8 de agosto de 1897, foi un político e historiador español coñecido principalmente polo seu apoio á Restauración borbónica de 1874 e por converterse no máximo dirixente dos conservadores no "sistema de quendas" por el establecido. Foi presidente do goberno español nos períodos 1874-1875, 1875-1879, 1879-1881, 1884-1885, 1890-1892 e 1895-1897.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Reinado de Isabel II
[editar | editar a fonte]Cánovas iniciouse en política ao pouco de se trasladar a Madrid, a finais dos anos corenta. Integrouse no grupo dos puritanos, unha facción dos liberais moderados partidaria do entendemento cos progresistas. A inicios dos anos cincuenta, cando o gabinete de Juan Bravo Murillo pretendeu afondar no autoritarismo que marcaba a política do Partido Moderado, os puritanos romperon co partido.[1]
Estes ligáronse, entón, aos grupos progresistas que preparaban a Revolución de 1854 e o propio Cánovas foi o redactor do "Manifesto de Manzanares",[2] redactado a petición do xeneral Serrano e asinado por Leopoldo O'Donnell, que deu orixe á revolución.[3] Próximo á Unión Liberal de O'Donnell, converteuse nun dos seus membros máis destacados e chegou a ser ministro de Gobernación en 1864 e de Ultramar en 1865, nos anos finais do reinado de Isabel II.
Sexenio revolucionario
[editar | editar a fonte]Cánovas non se involucrou na Gloriosa, o pronunciamento de setembro de 1868 que destronou Isabel II. Tampouco sostivo á raíña, aínda que durante o Sexenio mostrouse partidario da monarquía constitucional. Sinalando a necesidade de orde e goberno firme, non se opuxo de forma taxativa ao réxime nacido da Gloriosa. Abstívose na elección de Amadeo de Savoia e apoiou os gabinetes de Práxedes Mateo Sagasta e Emilio Castelar, buscando que o réxime non se radicalizase. Esta posición fixo que se lle xuntasen moitos dos que se mostraban descontentos coa evolución do réxime, máis aínda cando se proclamou a Primeira República Española.[4]
Regreso de Afonso de Borbón
[editar | editar a fonte]En outubro de 1872, coa chegada dos radicais ao poder, Cánovas integrouse por fin no afonsismo, a facción política conservadora que preparaba a volta de Afonso de Borbón, fillo de Isabel II. Fracasada a vía do pronunciamento, no verán de 1873 fíxose co liderado desta facción, desprazando aqueles que pretendían un regreso aos tempos en que o Partido Moderado ocupaba o poder en exclusiva.[5]
Este movemento deteriorou completamente as súas relacións con Isabel II, que apostaba por unha Restauración de carácter reaccionario, en estreita alianza con carlistas e neocatólicos. Cánovas perfilou un afonsismo que pretendía integrar á esquerda liberal e conservar aqueles aspectos da Constitución de 1869 que fosen compatibles co liberalismo moderado.
Cánovas foi o redactor do Manifesto de Sandhurst,[6] publicado no mes de decembro de 1874. Neste texto, asinado por Afonso de Borbón, afirmábase o compromiso do pretendente coa monarquía constitucional e chamaba ao seu lado a todos os españois "sean cuales fueren sus antecedentes políticos". Tratábase dunha clara referencia á súa vontade de integrar cantas sensibilidades políticas fose posible.
Aínda que Cánovas non tiña présa por lograr a proclamación de Afonso e rexeitaba a intervención do exército, non puido evitar o pronunciamento do xeneral Martínez Campos en Sagunto a finais dese mesmo mes. Pese ás cautelas de Cánovas, o pronunciamento triunfou sen violencia e Afonso XII foi proclamado como rei.[7]
Restauración
[editar | editar a fonte]Cánovas sería encargado de artellar o sistema político da Restauración, coñecido na súa honra como "sistema canovista". O sistema, fundamentado na Constitución de 1876, era unha monarquía constitucional a semellanza da británica. A Constitución reservaba á monarquía moitos poderes, entre eles o de disolver as Cortes e nomear presidente do goberno. Con todo, o parlamento tiña gran marxe de manobra e o goberno efectivo do país acabou por quedar nas súas mans.
Cánovas era un defensor convencido dos beneficios do bipartidismo. Fundou o Partido Liberal Conservador, de tendencia conservadora, pero comprometido co liberalismo. Favoreceu a formación dun partido liberal virado cara a esquerda que aceptase a lexitimidade do sistema político implantado. Con Práxedes Mateo Sagasta, líder do Partido Liberal Fusionista estableceu a quenda política obrigatoria, mediante o Pacto do Pardo en 1881.
Na práctica o sistema canovista baseouse nas fraudes electorais periódicas, apoiadas no caciquismo, que facían posible a alternancia no poder, como medio de disipar tensións. Deste xeito accedeu varias veces ó cargo da presidencia do goberno, sendo o primeiro presidente do consello de ministros de Afonso XII.
Cánovas asumiu funcións de xefe do estado durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena (1885-1902). Decretou inicialmente o sufraxio restrinxido en 1878 e o sufraxio universal masculino non se restableceu ata 1890 baixo o goberno de Sagasta.
O seu goberno desenvolveu unha política colonial baseada na represión dos partidarios dunha Cuba libre. A política levada a cabo contra o nacionalismo cubano acabaría conducindo a España á perda das últimas colonias na guerra hispano-americana contra os Estados Unidos en 1898. Exerceu igualmente unha forte represión contra a disidencia política no interior de España.
Asasinato
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Asasinato de Cánovas del Castillo.
Cánovas morreu asasinado o 8 de agosto de 1897 no balneario de Santa Águeda, en Guipúscoa, polo anarquista italiano Michele Angiolillo, que se inscribira no establecemento como correspondente do xornal Il Popolo. Segundo as súas declaracións ó ser detido, atentara contra el en resposta ás mortes e tortura dos revolucionarios detidos en Barcelona tras o atentado contra a procesión de Corpus en xuño de 1896.
Obra
[editar | editar a fonte]Cánovas del Castillo foi, ademais de político, un activo home de letras. Os seus escritos históricos concedéronlle notable reputación, en especial a súa Historia de la decadencia de España, pola cal foi elixido en 1860, con só 32 anos, membro da Real Academia da Historia. A este honor seguiría a súa incorporación a outras institucións de letras, entre elas, a Real Academia Española en 1867, a Academia de Ciencias Morais e Políticas en 1871 e a Real Academia de Belas Artes de San Fernando en 1887. Tamén oficiou como director do Ateneo de Madrid (1870-74, 1882-84 e 1888-89).
A súa obra historiográfica mais sobranceira constitúea a Historia General de España (1891-1897) en 18 volumes. Entre as súas publicacións e libros que conteñen textos seus están os seguintes:
- La campana de Huesca: (crónica del siglo XII). Prólogo de Serafín Estébanez Calderón (El Solitario). Colección Austral. 1851.
- Historia de la decadencia de España desde Felipe III hasta Carlos II. 1854.
- Bosquejo histórico de la Casa de Austria en España. 1869.
- Discurso sobre la nación: inauguración del curso del Ateneo de Madrid, novembro de 1882. introdución de Andrés de Blas.
- Estudios del reinado de Felipe IV. Madrid, Imprenta Pérez Dubrull, 2 vols. 1888-1889.
- Criterio histórico con que las distintas personas que en el descubrimiento de América intervinieron han sido después juzgadas: conferencia inaugural de Antonio Cánovas del Castillo, pronunciada el día 11 de febrero de 1891.. Ed. facsímile. Clásicos Biblioteca Nacional. Orixinal: Madrid, Sucesores de Rivadeneyra, 1892-1894.
- Historia General de España. 18 vols. 1897.
- Discursos parlamentarios; estudo preliminar de Diego López Garrido.
Valoración historiográfica
[editar | editar a fonte]Faltan ligazóns internas neste artigo ou sección. Por favor, axude wikificándoo. |
A valoración da traxectoria de Cánovas está estreitamente ligada á da Restauración. Até finais dos anos setenta, a análise histórica deste período adoitaba facerse desde posicións rexeneracionistas e esquerdistas. A Restauración, e por ende Cánovas, reputábanse responsábeis do atraso económico e cultural da España de finais do XIX.[8]
Considerábase á Restauración “un réxime de esencia represiva, contrarrevolucionaria e autoritaria”.[9] Apreciábase unha continuidade entre a política do Partido Moderado durante a monarquía isabelina, o liberalismo conservador de Cánovas e os impulsos autoritarios da dereita española, culminados na ditadura franquista.
A partir de finais dos setenta foise afirmando entre a comunidade historiográfica unha visión máis temperada, cando non favorábel, da súa figura. O afondamento na biografía, así como na obra teórica e política de Cánovas, contribuíron a novos puntos de vista. Así mesmo, a Restauración pasou a contemplarse como un antecedente da Transición, da consolidación da democracia e do bipartidismo PSOE-PP en España.[Cómpre referencia]
As novas análises tendían a unha valoración global da súa traxectoria política, destacando a súa coherencia.[10] Desde o inicio da súa andaina Cánovas militou no liberalismo conservador, mais sempre se opuxo ao exclusivismo que o Partido Moderado quixo exercer sobre o poder político. Cánovas foi sempre partidario de compartir o poder con outras correntes políticas liberais e aínda coas formacións republicanas e demócratas que aceptasen a monarquía constitucional.[Cómpre referencia] Cánovas sería un político de acentuado pragmatismo, consciente de que o pacto e a cesión eran prácticas centrais da vida política.
Estas análises poñían o acento sobre a flexibilidade da Constitución de 1876.[11] Sempre no marco da monarquía constitucional e do respecto das liberdades individuais, a Constitución permitía a aplicación de políticas de moi diversa orientación en función da lectura do seu articulado. Esta flexibilidade permitiu que se mantivese en vigor durante case cincuenta anos, un fito extraordinario na política contemporánea española.
Así mesmo, a comparanza entre o sistema canovista e os sistemas políticos doutros países europeos do tempo, non deixa á Restauración en mal lugar. O personalismo da política finisecular foi común a case todos os países europeos. Desde coordenadas ideolóxicas e un pragmatismo semellante ao de Cánovas, políticos como Disraeli no Reino Unido, Giolitti en Italia ou Pavić en Serbia marcaron a evolución dos seus países neste tempo. Outros estadistas que procedían de substratos ideolóxicos moi diferentes, como Bismarck en Alemaña, deron en prácticas semellantes. Ao cabo, en todos os países existía unha gran preocupación por combinar a paz social cunha ampliación gradual e limitada da democratización.
A III República francesa estivo dominada por políticos de tendencia conservadora durante os anos setenta e oitenta. En Alemaña, onde a política finisecular estivo marcada pola figura de Bismarck, apréciase unha parecida reacción paternalista e autoritaria ante a auxe do movemento obreiro. As inxerencias do káiser na política foron tan extemporáneas e arbitrarias como puidesen ser as de Afonso XIII.
Salvando as enormes distancias, seguramente sexa a Italia do transformismo o sistema político máis comparable á España da Restauración[12]. Este período, que vai de 1876 a 1914, caracterizouse polo pacto entre os políticos liberais ao amparo dunha monarquía constitucional. En suma, segundo Suárez Cortina, ambos sistemas responden ao "control político das burguesías no marco do constitucionalismo non democrático (...): sistema clientelar, dominio do Executivo, prerrogativa rexia, Estado unitario con forte dominio dunha Administración centralizada".[13]
Como en España, consentíanse opcións políticas alleas ao liberalismo, pero estas quedaban na práctica á marxe do sistema. Aínda que o desenvolvemento industrial italiano foi máis sólido que o español, tamén se limitou a áreas moi concretas do territorio e amparouse en prácticas proteccionistas auspiciadas por unha burguesía relativamente débil. O rural, empobrecido e falto dunha masa crítica de pequenos e medianos propietarios, expulsaba man de obra barata ás áreas industriais. Ao igual que en España prosperaron neste contexto as prácticas caciquís.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Suárez Cortina 1997, pp. 120–125.
- ↑ Comellas 1997, p. 83.
- ↑ Pascual 1999, p. 58.
- ↑ Varela Ortega (2001). pp. 25–43. Falta o
|title=
(Axuda) - ↑ Varela Ortega (2001). pp. 44–62. Falta o
|title=
(Axuda) - ↑ Langa 1990, p. 38.
- ↑ Varela Ortega (2001). pp. 63–97. Falta o
|title=
(Axuda) - ↑ Suárez Cortina 1997, pp. 31-107.
- ↑ Suárez Cortina 1997, p. 147.
- ↑ Suárez Cortina 1997, pp. 120-127.
- ↑ Suárez Cortina 1997, pp. 148-151.
- ↑ Suárez Cortina. 1997. pp. 317–367.
- ↑ Suárez Cortina. 1997. pp. 322–323.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antonio Cánovas del Castillo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Comellas, José Luis (1997). Cánovas Del Castillo. Col. Ariel Historia. Madrid: Ariel. ISBN 9788434465985.
- Fernández de Alarcón, Belén (2016). Vida cotidiana de la mujer en la burguesía en tiempos de Isabel II y finales del XIX. Madrid: Universidad Rey Juan Carlos. ISBN 978-84-9085-694-9.
- Gómez Ochoa, Fidel (1997). "El conservadurismo canovista y los orígenes de la Restauración". En Suárez Cortina, Manuel (et al.). La Restauración, entre el liberalismo y la democracia (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. pp. 109–155. ISBN 84-206-2890-5.
- Langa Laorga, María Alicia (1990). España y Portugal en el siglo XIX. Col. Historia del mundo contemporáneo. Madrid: Akal. ISBN 84-7600-494-X.
- Pascual, Pedro (1999). El compromiso intelectual del político: ministros escritores en la Restauración canovista. Madrid: Ediciones de la Torre. ISBN 84-7960-247-3.
- Suárez Cortina, Manuel (1997). La Restauración, entre el liberalismo y la democracia (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 9788420628905.
- Varela Ortega, José: Los amigos políticos. Partidos, elecciones y caciquismo en la Restauración (1875-1900). Marcial Pons, 2001 (2ª edición). ISBN 8478469931
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Presidentes de España
- Historiadores de Historia Moderna
- Nados en Málaga
- Nados en 1828
- Finados en 1897
- Políticos do Partido Conservador (España)
- Ministros de Asuntos Exteriores de España
- Académicos da Real Academia da Historia
- Historiadores de España
- Reinado de Afonso XII
- Deputados no Congreso dos Deputados
- Asasinados
- Finados por arma de fogo
- Ministros de España
- Restauración borbónica en España