Saltar ao contido

Alice in Chains

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alice in Chains
OrixeSeattle, Estados Unidos
Período1987 - 2002
2005 - presente
Xénero(s)rock alternativo, metal alternativo, heavy metal, grunge
Selo(s) discográfico(s)Columbia Records
MembrosJerry Cantrell
Sean Kinney
Mike Inez
William DuVall
Antigos membrosLayne Staley
Mike Starr
Artistas relacionadosSleze, Alice N' Chains, Diamond Lie, Gypsy Rose, Spys4Darwin
Na rede
http://aliceinchains.com/
IMDB: nm2750498 Facebook: aliceinchains Twitter: AliceInChains Instagram: aliceinchains MySpace: aliceinchains Youtube: UCK9X9JACEsonjbqaewUtICA Souncloud: aliceinchainsofficial Spotify: 64tNsm6TnZe2zpcMVMOoHL iTunes: 462221 Last fm: Alice+in+Chains Musicbrainz: 4bd95eea-b9f6-4d70-a36c-cfea77431553 Songkick: 496981 Discogs: 251846 Allmusic: mn0000007920 Deezer: 691 Genius: Alice-in-chains Editar o valor en Wikidata

Alice in Chains é unha banda de grunge formada na cidade de Seattle en 1987. A súa formación clásica estaba composta por Layne Staley (voz), Jerry Cantrell (guitarra), Mike Inez (baixo) e Sean Kinney (batería). A banda separouse despois da morte de Layne Staley no ano 2002, pero volvería a reunirse no 2005 con William DuVall encargándose das voces.

Formación

[editar | editar a fonte]

Alice in Chains sobresaíu como unha das principais bandas da primeira metade da década dos 90 en Seattle. A banda foi formada en 1987, cando Layne Staley (vocalista) coñeceu Jerry Cantrell (guitarrista) no Music Bank, en Seattle. Antes diso, Staley xa tocaba con algúns amigos nunha banda chamada Alice N’ Chains, pero a partir do seu encontro con Cantrell a banda pasou a chamarse Alice in Chains e empezou a traballar en serio. Jerry trouxo para grupo ao baixista Mike Starr e ao batería Sean Kinney, e a banda comezou a tocar nos clubs e bares de Seattle.

En 1989, a banda asinou un contrato coa Columbia Records. En xuño do ano seguinte, lanzaron o EP We Die Young (que hoxe é moi difícil de atopar). O son da banda logo se caracterizou como un "hard-metal" de primeira, con sons que lembraban a Black Sabbath e a Metallica. Layne amosábase un letrista melancólico e sentimental. Xa en 1990, no verán, a banda lanzou o álbum Facelift e comezou a facer xiras ao lado de nomes como Megadeth, Iggy Pop e Van Halen. O disco comezou a ter éxito (gañaría o disco de ouro máis tarde) e a banda comezou a gañar prestixio. En maio de 1991, Alice in Chains participou do Clash of Titans, con Slayer, Megadeth e Anthrax.

En novembro de 1991, Alice in Chains gravou un EP chamado Sap, que é case todo acústico e posúe as participacións de Chris Cornell (Soundgarden) e Mark Arm (Mudhoney). Reza a lenda que o título do disco ven dun soño do batería Sean Kinney. Nese período, o grunge comeza a facerse notar, con bandas coma Soundgarden, Nirvana e Pearl Jam soando nas radios de todo o mundo.

Jerry Cantrell

En abril de 1992, a banda comezou a gravar o seu novo disco, con Dave Jerden na produción, e o 29 de setembro dese ano Dirt foi lanzado. A banda saíu de xira con Ozzy Osbourne durante tres meses e despois diso Mike Starr decidiu deixar a banda xa que non aguantaba facer máis xiras e que quería pasar máis tempo coa súa familia, sendo substituído por Mike Inez, que era baixista de Ozzy. Xa en 1993, a banda toca con Screaming Trees en Europa e participa no Lollapalooza, que tiña a Primus como atracción principal. No disco Dirt, as letras de Staley son bastante depresivas, con temas como morte e drogas. Ese disco gañaría tres discos de platino.

En setembro de 1993, a banda grava un mini-disco, chamado Jar of Flies, producido por Toby Wright e lanzado a comezos de 1994. É o primeiro EP da historia en chegar á cima da lista da revista Billboard.

Despois dalgún tempo fóra da escena, Staley aparece nun proxecto paralelo con Mike McCready (Pearl Jam), Barret Martin (Screaming Trees) e Baker Saunders (Lamont Cranston). Baixo o nome de Mad Season gravan un disco chamado Above, lanzado en marzo de 1995.

En abril de 1995, Alice in Chains entra no estudio Bad Animals, en Seattle, para a gravación dun novo disco, novamente coa produción de Toby Wright. O resultado é lanzado en novembro de 1995, e o álbum posúe como título o nome da banda (a pesar de que algúns o chamaron Tripod). Eles deciden non facer xira para divulgar o disco o que fai aparecer rumores de que a banda estaríase separando.

Pero en maio de 1996 Alice in Chains reúnese novamente para a gravación dun acústico especial para a MTV (que sería lanzado en vídeo e álbum no verán dese mesmo ano, novamente baixo a produción de Toby Wright), e despois volverían aos escenarios para ser os abreconcertos do inicio da xira do regreso de Kiss, a Kiss Alive 96/97 World Tour. Despois diso os membros de Alice in Chains mergullaríanse noutros proxectos, principalmente Jerry Cantrell.

O 29 de xuño de 1999 é lanzado un recompilatorio da banda, chamado Nothing Safe: The Best of the Box, cos principais éxitos da carreira de Alice in Chains e unha canción inédita. Ese lanzamento serviu de aperitivo para o que viría a continuación: a caixa Music Bank, lanzada en 1999, contendo rarezas, gravacións en vivo e demos que a banda gardou ao longo dos seus máis de dez anos de carreira.

2000 foi un ano con poucas novidades na carreira de Alice in Chains. A seu remate foi lanzado un novo recompilatorio, desta vez composto por gravacións en directo de tres das xiras da banda, chamado sinxelamente Live.

No ano seguinte un novo recompilatorio, desta vez chamado Best Of Alice In Chains. Ese novo disco é unha especie de reedición de Nothing Safe, lanzado dous anos antes, e non traía nada novo. O futuro seguía incerto e a banda permanece co status de "inactiva", a pesar de que oficialmente aínda existía. Os problemas de Layne Staley coas drogas continuaban, e moitos temían o peor.

Tras unha década loitando contra a súa adición, Layne Staley foi atopado morto no seu condominio en Seattle o 19 de abril de 2002. A autopsia e o informe de toxicoloxía do corpo de Staley revelaron que morrera por unha mestura de heroína e cocaína, coñecida como "speedball". A autopsia concluíu que Staley morrera o 5 de abril, dúas semanas antes de atoparse o seu corpo.[1] Cantrell dedicou o seu álbum en solitario de 2002, Degradation Trip, publicado dous meses despois da morte de Staley, á súa memoria. Mike Starr despois afirmou en Celebrity Rehab que foi a última persoa en ver a Staley vivo, e admitiu sentirse culpable por non chamar ao 911 despois de que Staley o advertise contra iso. "Gustaríame non ter estado colocado de benzodiacepinas [esa noite], non tería saído sinxelamente pola porta", dixo Starr.[2][3]

Tras a morte de Staley, Mike Inez uniuse a Heart e xirou e gravou coa banda dende 2002 ata 2006.[4] Jerry Cantrell colaborou con varios artistas como Heart, Ozzy Osbourne,[5] e Damageplan.[6] En 2004 Cantrell formou a banda Cardboard Vampyres xunto co guitarrista de The Cult Billy Duffy, o vocalista de Mötley Crüe e Ratt John Corabi, o baixista de The Cult Chris Wyse e o batería Josh Howser.[7]

O 22 de outubro de 2004, Sony BMG rematou o seu contrato con Alice in Chains, 15 anos despois de que a banda fichase polo selo.[8]

William DuVall, actual vocalista actuando coa banda. DuVall substituíu a Layne Staley despois da súa morte.

No ano 2005, a Sean Kinney ocorreuselle a idea de facer un concerto benéfico para as vítimas do tsunami que golpeou o sur de Asia de 2004. Kinney chamou aos seus antigos compañeiros de banda, así como a amigos do mundo da música como a antiga representante de Alice in Chains Susan Silver. Kinney viuse sorprendido pola resposta entusiasta á súa idea.[9] O 18 de febreiro do ano 2005, os membros de Alice in Chains reuníronse de novo nun escenario. Kinney, Inez e Cantrell uníronse a vocalistas coma Maynard James Keenan (Tool), Patrick Lachman (Damageplan), Wes Scantli (Puddle of Mudd) e Ann Wilson (Heart), para realizar o que se chamou K-Rock Tsunami Continued Care Relief Concert en Seattle. Este concerto deixou a porta aberta a unha posible reunión futura da banda.

Dita reunión concretouse o 20 de marzo de 2006 no programa "Decades Rock Live!" da VH1, dedicado á banda Heart. Nese programa tocaron os temas Would? con Phil Anselmo (cantante de Pantera e Down) e Rooster con William DuVall, cantante e guitarrista de Comes with the Fall, e Ann Wilson, vocalista de Heart. Despois disto, a banda fixo unha pequena xira por Europa e polos Estados Unidos, e un breve tour polo Xapón. Concidindo coa xira, Sony publicou o recompilatorio The Essential Alice in Chains, un dobre disco con 28 temas. Para dita xira reclutouse ao vocalista William DuVall e ao baixista de Velvet Revolver, Duff McKagan, quen tocou a guitarra rítmica nalgunhas cancións.

A banda comezou a compoñer e gravar demos de temas novos para un álbum con DuVall en abril de 2007.[10] Pero o grupo non amosou grandes avances ata outubro de 2008, cando anunciaron que comezaran a gravar no estudio co produtor Nick Raskulinecz.[11]

Black Gives Way to Blue e morte de Mike Starr

[editar | editar a fonte]

Blabbermouth.net informou o 5 de setembro de 2008 que Alice in Chains entraría no estudio ese mes de outubro para comezar a gravar o seu novo álbum, que agardaban editalo o seguinte verán. O 14 de setembro a banda actuou no descanso do partido entre os Seattle Seahawks e os San Francisco 49ers no CenturyLink Field en Seattle. A actuación de 12 minutos para unha audiencia de 67 000 contou coa interpretación dunha versión do tema de Led Zeppelin "Kashmir" co amcompañamento da Northwest Symphony Orchestra.[12]

En outubro de 2008, Alice in Chains comezou a gravar o seu cuarto álbum no Studio 606 dos Foo Fighters con Nick Raskulinecz.[11] Nese momento a banda non tiña discográfica e o disco foi financiado por Jerry Cantrell e Sean Kinney.[13] Nos Revolver Golden God Awards, Cantrell dixo que o grupo rematara de gravar o 18 de marzo de 2009, e que estaban mesturándoo para editalo en setembro. O proceso de gravación rematouse o día do 43 aniversario de Cantrell e o mesmo día do nacemento do fillo de William DuVall. En abril de 2009 informouse de que o novo álbum de Alice in Chains sería editado por Virgin/EMI, sendo o primeiro cambio de selo nos seus máis de 20 anos de carreira. Susan Silver, que comezou a traballar como representante da banda en 1988, pasou a co-representar Alice in Chains con David Benveniste e a súa firma Velvet Hammer.[14]

O 11 de xuño de 2009 revelouse que o próximo álbum da banda levaría o nome de Black Gives Way to Blue, e poríase á venda o 29 de setembro do 2009. O día 30 de xuño, un dos temas do novo disco, "A Looking in View", foi editada como primeiro sinxelo. O seu vídeo musical estreouse na páxina oficial da banda o 7 de xullo. O segundo sinxelo, "Check My Brain", puido escoitarse nas emisoras de radio o 14 de agosto, e estivo dispoñible nas tendas o día 17.

Para coincidir coa súa xira europea, Alice in Chains lanzou o seu seguinte sinxelo, "Your Decision", o 16 de novembro no Reino Unido e o 1 de decembro nos Estados Unidos.[15] O 26 de maio do 2010 Black Gives Way to Blue foi certificado ouro pola RIAA ao vender 500.000 copias. O cuarto sinxelo do álbum foi "Lesson Learned", que chegou ás emisoras a mediados de xuño.

Black Gives Way to Blue estreouse no número 5 da lista Billboard 200.[16] O 18 de maio de 2010 o álbum foi certificado ouro pola RIAA[17] por vender máis de 500 000 copias nos Estados Unidos.[18] Os sinxelos singles "Check My Brain" e "Your Decision" acadaron o número 1 da lista Mainstream Rock Tracks da Billboard, mentres que "Lesson Learned" chegou ao número 4.[19]

Discografía

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Facelift 1990 Columbia Records
Dirt 1992 Columbia Records
Alice in Chains 1995 Columbia Records
Black Gives Way to Blue 2009 Virgin/EMI
The Devil Put Dinosaurs Here 2013 Virgin/EMI
Rainier Fog 2018 BMG
Álbum Ano Selo
We Die Young 1990 Columbia Records
Sap 1992 Columbia Records
Jar of Flies 1993 Columbia Records
  1. "Layne Staley Died From Mix Of Heroin, Cocaine, Report Says". MTV (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2022. Consultado o 2023-10-13. 
  2. Greene, Andy (2011-03-09). "Alice In Chains Bassist Mike Starr Dies At 44". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2023-10-13. 
  3. "Former Alice in Chains rocker Mike Starr dies". Reuters (en inglés). 2011-03-09. Consultado o 2023-10-13. 
  4. "Ann and Nancy Wilson of Heart at Walk of Fame Star Ceremony". heart-music.com. 2015-09-20. Archived from the original on 20 de setembro de 2015. Consultado o 2023-10-13. 
  5. Blabbermouth (2004-08-16). "Former ALICE IN CHAINS Guitarist Laying Down Tracks For New OZZY OSBOURNE Album". BLABBERMOUTH.NET (en inglés). Consultado o 2023-10-13. 
  6. "Jerry Cantrell To Jam With Alice In Chains Bandmates". MTV (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2023. Consultado o 2023-10-13. 
  7. "Jerry Cantrell Forms New Band - Cardboard Vampyres". Glide Magazine (en inglés). 2004-06-23. Consultado o 2023-10-13. 
  8. de Sola, David (August 4, 2015). Alice in Chains: The Untold Story. Thomas Dunne Books. pp. 323-324. ISBN 978-1250048073
  9. STOUT, By GENE (2005-02-18). "Kinney drums up enthusiastic response for tsunami benefit". Seattle Post-Intelligencer (en inglés). Consultado o 2023-10-13. 
  10. "Alice In Chains Begins Writing New Material". Blabbermouth. Archived from the original on 30 de setembro de 2007. Consultado o 17 de setembro de 2018. 
  11. 11,0 11,1 "Alice in Chains Working with Rush/Foo Fighters Producer". Blabbermouth. Archived from the original on 25 de maio de 2009. Consultado o 17 de setembro de 2018. 
  12. Blabbermouth (2008-09-19). "ALICE IN CHAINS Performs LED ZEPPELIN's 'Kashmir' At Seattle's Qwest Field; Video Available". BLABBERMOUTH.NET (en inglés). Consultado o 2023-10-14. 
  13. "Alice in Chains". exclaim!. Consultado o 14 de outubro de 2023. 
  14. "Alice In Chains Signs With Virgin/EMI". Blabbermout. Archived from the original on 27 de abril de 2009. Consultado o 14 de outubro de 2023. 
  15. "Alice In Chains To Release 'Your Decision' Single". Blabbermouth. Archived from the original on 15 de outubro de 2009. Consultado o 17 de setembro de 2018. 
  16. "Barbra Streisand Surprises With Ninth No. 1 On Billboard 200". Billboard. Consultado o 17 de setembro de 2018. 
  17. "American album certifications - Alice in Chains".". RIAA. Consultado o 17 de setembro de 2018. 
  18. "Alice In Chains Strikes Gold With 'Black Gives Way To Blue'". Blabbermouth. Consultado o 17 de setembro de 2018. 
  19. "Alice in Chains Chart History". Billboard. Consultado o 2019-05-09. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]