Saltar ao contido

Pau brasil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pau brasil
Caesalpinia echinata

Espécime no Parque Córrego Grande, Florianópolis, Brasil
Estado de conservación
En perigo
En perigo
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fabales
Familia: Fabaceae
Subfamilia: Caesalpinioideae
Tribo: Caesalpinieae
Xénero: Caesalpinia
Especie: C. echinata
Nome binomial
Caesalpinia echinata
Lamarck, 1785
Área de distribución de Caesalpinia echinata
Área de distribución de Caesalpinia echinata

Área de distribución de Caesalpinia echinata
Sinonimia
Detalle da flor.
Ilustración dun espécime novo e a súa flor.

O brasil ou pau brasil[1] Caesalpinia echinata, é unha especie de árbore brasileira da familia das fabáceas (subfamilia das cesalpiniáceas), de madeira (de igual nome) dura, compacta e de cor vermella, da que se tira unha tintura de cor vermella chamada de brasilina, que oxida a brasileína. Úsase en ebanistaría e para facer instrumentos musicais. O brasil foi unha árbore moi abondosa nos bosques brasileiros e paraguaios, pero hoxe en día é cada vez máis escasa.

É a árbore nacional do Brasil desde 1978.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha árbore de crecemento lento e de talle mediano, xa que acada de 10 a 15 m de altura. O toro é recto -apropiado para a talla- cuberto de aguillóns, especialmente nas pólas novas (de feito, o epíteto echinata alude a esta característica xa que significa "con espiños"), de cor cinsa escura. A madeira é de cor alaranxada-avermellada, brillante, máis densa cá auga, polo que non pode aboiar e impide o seu transporte fluvial. As follas son compostas, bipinnadas, de cor verde intermedia e brillantes. As flores dispóñense en acios erectos, achegados aos ápices das pólas. Están formadas por catro pétalos amarelos e un menor vermello, e son moi recendentes. O androceo está formado por dez estames e o xineceo é de ovario súpero. O froito é un legume, cuberto por espiños longas e afiadas, e contén de 1 a 5 sementes discoides, de cor marrón.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Cando os exploradores portugueses acharon esta especie (dunha tonalidade tan avermellada, na beiramar de América do Sur), puxéronlle o nome de pau-brasil, pois brasil supostamemte vén de brasa. Así ese nome diferenciaba esta especie suramericana doutra "diferente" oriúnda de Asia e outras áreas, coa que se produce unha tintura encarnada. Mais das especies descubertas en América do Sur obtíñase mellor poduto de tintura. Por iso estas árbores foron por moito tempo exportadas, medrando así a economía. Fíxose tan sonada, que pasaron a chamala do Brasil. Ás veces déuselle o nome pau de Pernambuco polo estado de Pernambuco, rexión nordés do Brasil.

No negocio da ebanistaría, a máxima calidade obtense de Caesalpinia echinata, comercialmente chamada "madeira de Pernambuco". Porén os termos "Pernambuco" e "Brazilwood" úsanse en instrumentos de cordas, aínda que se refiren a especies completamente diferentes. Exemplos desas especies de "madeira Brasil" inclúe o "ipê" (Tabebuia avellanedae) e a "massaranduba" (Manilkara bidentata).

Importancia histórica

[editar | editar a fonte]

Entre os séculos XV e XVI, esta especie foi moi valiosa en Europa e bastante difícil de obter. Ás veces proviña desde Asia, comercializada na forma de po e usada como tintura arroibada na manufactura de luxosos téxtiles, tales como oveludo, altamente demandado durante a Renacenza.

Cando os navegantes portugueses descobren Brasil, o 22 de abril de 1500, inmediatamente ven tal "madeira de brasil", que era extremadamente abundante. Nuns poucos anos, unha feroz talla e exportación de toros, converteuse nunha próspera industria, dando á coroa portuguesa o seu monopolio. O rico comercio estimulou o contrabando, e até ataques corsarios contra buques portugueses para lles roubars o seu cargamento de madeira. Por exemplo, o intento infrutuoso dunha expedición francesa (liderada por Nicolas Durand de Villegaignon, vicealmirante da Bretaña e corsario do Rei en 1555) para establecer unha colonia no que actualmente é Río de Xaneiro (a frustrada Colonia France Antarctique), foi en parte motivada pola riqueza xerada pola explotación do pau brasil.

Esta especie cítase en Flora Brasiliensis por Carl Friedrich Philipp von Martius.

Explotación

[editar | editar a fonte]

A súa excesiva talla provocou un descenso grave nas súas poboacións no século XVIII, causando o colapso da súa explotación como madeireira. Actualmente, a especie achégase perigosamente á súa extinción en moitas subpoboacións orixinais. Está listada nas especies ameazadas polo IUCN, e citada na lista oficial de especies ameazadas do Brasil. O mercado da súa madeira aínda non está prohibido. A "Iniciativa Internacional para a Conservación do Pernambuco" (IPCI, polas súas siglas en inglés), cuxos membros son os grosistas desta madeira, traballan para reforestar e utilizar outras madeiras para a fabricación de violíns. A falta crítica da súa madeira axudou á industria da fibra de carbono a reemprazala.

O pernambuco é a materia prima para a arquetaría: os luthiers, fan arcos para instrumentos de corda da familia do violín. Foi levado a Europa polas súas propiedades colorantes aproximadamente até 1850, data na que se comezou a utilizar para fabricar arcos de violíns. Os irmáns Tourte encóntranse entre os primeiros arqueteiros que demostraron as cualidades excepcionais desta madeira. Nun principio, os construtores de arcos utilizaban outras especies das denominadas "madeiras tropicais". Todas elas tiñan unha densidade e unha dureza notábeis, polo que comunmente foron denominadas de "pau ferro". Porén, grazas ás súas cualidades sonoras, que lle valeron o favor dos músicos, e ás súas características físicas e mecánicas que fan del un material ideal para a construción de varas curvadas, en pouco tempo o Pernambuco substituíu a todas as outras especies. Douscentos cincuenta anos despois da súa introdución, cando se trata de construír arcos de calidade, os arqueteiros e músicos do mundo enteiro non atoparon nada que poida substituílo: rixidez, flexibilidade, densidade, beleza, capacidade de conservar a curvatura, a reunión de todas estas propiedades fan do pernambuco un material sen igual.[2]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para brasil.
  2. International Pernambuco Conservation Initiative. La materia prima de la arquetería.[1] Arquivado 20 de decembro de 2016 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]